Saturday 04 de May de 2024

O Concello acomete a renovación de máis de 300 punto de luz, mellorados con novos dispositivos de tecnoloxía led que reducirán o consumo nun 77 %


A intervención, que permite a regulación das lámpadas por tramos horarios, levouse a cabo en diversos barrios da cidade como Os Mallos, O Ventorrillo, Labañou e Catro Camiños

O Concello da Coruña, a través do Servizo municipal de Infraestruturas, rematou a semana pasada unha intervención para renovar máis de 300 lámpadas obsoletas de gran potencia que foron substituídas por dispositivos de última xeración e tecnoloxía led.

Coas novas lámpadas instaladas, que dispoñen dun sistema electrónico que facilitará un control punto por punto, diminuirá o consumo nun 77% e tamén se reducirá a emisión de gases de efecto invernadoiro en 227 toneladas de CO2 cada ano.

Esta actuación, que forma parte da Estratexia Eidus Coruña, contou cun orzamento de 320.254,08 euros e foi financiada con fondos europeos FEDER. Neste sentido, a renovación das antigas lámpadas permitirá que agora sexan reguladas por tramos horarios, unha medida enmarcada no plan de melloras medioambientais e eficiencia enerxética impulsadas polo Goberno de Inés Rey.

A intervención, que se levou a cabo na contorna de barrios da cidade como Os Mallos – A Sardiñeira, A Silva – Ventorrillo, Labañou e Catro Camiños, centrouse en tramos de acceso e saída da cidade como a avenida de Fisterra, entre o lugar de San Xosé e a rolda de Outeiro; a avenida de Arteixo, no tramo que conecta a estrada de Baños de Arteixo e a rolda de Outeiro; as avenidas Gerardo Porto e Fernando Suárez García, nas proximidades do Obelisco Millennium e o paseo marítimo cara ao Portiño; e as avenidas de Primo de Rivera e do Exército, no tramo que chega desde A Palloza ao túnel dos Castros.

Ao longo deste ano, o Concello acometerá a renovación do resto do alumeado público da cidade, grazas aos 12 millóns de euros de fondos IDAE concedidos polo Goberno central. Dita actuación permitirá a substitución de 21.000 puntos de luz e un aforro enerxético cercano ao 60%.